Monday 20 de May de 2024

O Concello e a Escudería Moeche subscriben o convenio para a organización do VIII Slálom Concello de Moeche


A proba, puntuable para o Campionato Galego, celebrarase o próximo 15 de xullo no centro urbano de San Ramón

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e a vicepresidenta da Escudería Moeche, Marta Mª Sánchez, asinaron esta mañá o convenio nominativo de colaboración entre ambas entidades, mediante o cal o consistorio achegará 3.000 euros para a organización da oitava edición do slálom automobilístico Concello de Moeche, que se desenvolerá no contorno de San Ramón o próximo 15 de xullo. Ademais da axuda económica, o acordo recolle outros aspectos, como por exemplo a colaboración municipal na loxística e o compromiso da escudería de ocuparse de toda a parte deportiva e do seguro. A proba será puntuable para o Campionato Galego e ten aberto o prazo de inscricións ata as 20:00h do luns que vén, 10 de xullo. O regulamento e outra información de interese pode atoparse na súa web.

Tal e como se recolle o texto do convenio, o Concello de Moeche ingresará 1.500 euros da axuda inmediatamente despois da súa sinatura e os 1.500 euros restantes unha vez que a escudería presente a xustificación dos gastos efectuados.

Xunto coa colaboración económica tamén se estipula que a Administración local facilitará 200 valos metálicos, axudará na merca de trofeos, xestionará a presenza de Protección Civil e porá a disposición do evento espazos como a Nave do Mercado e o recibidor da Casa Consistorial. A Escudería Moeche tamén contará con apoio de persoal municipal para os preparativos e a posterior limpeza, xunto cunha cisterna e un vehículo motobomba.

A parte que lle corresponde á entidade refírese á organización deportiva: xulgamentos, cronometraxes, verificacións técnicas dos vehículos, a subscrición da póliza de seguros da proba, a asistencia de ambulancias, a retirada e volta ao seu sitio dos colectores do lixo e outro mobiliario urbano que haxa que mover para deixar libre o circuíto e tamén achegar persoal para delimitalo cos valos metálicos.

O acordo sinala tamén aspectos administrativos, entre eles a obriga de xustificar a axuda económica concedida antes do 30 de novembro deste ano, con posibilidade de prorrogar o trámite por causas debidamente xustificadas.

O Slálom celébrase o sábado 15 de xullo
As inscricións no VIII Slálom Concello de Moeche permanecen abertas ata as 20:00h do próximo luns, 10 de xullo, a través do formulario dispoñible na web da Federación Galega de Automobilismo, cun prezo de 85€ admitindo a publicidade proporcionada pola organización ou 170€ se se descarta esa posibilidade. Admitiranse vehículos das Agrupacións I á V -segundo cilindradas e tipo de tracción- e tamén da Agrupación VI na que se encadran os eléctricos. Han de estar homologados e posuír a ITV e o seguro en vigor. Os e as participantes deberán contar, ademais, con licenza federativa.

O listado de inscricións publicarase o día 12 de xullo ás 21:00h e a proba terá lugar polo centro urbano e o recinto feiral de San Ramón o sábado 15 desde as 8:00h. Ao longo da mañá efectuaranse as verificacións técnicas e administrativas e desenvolveranse os adestramentos. A competición propiamente dita comezará ás 15:00h coa saída do primeiro vehículo participante e estímase que os resultados se publiquen sobre as 21:00h.

O slálom finalizará arredor das 22:00h coa entrega de premios. Na Xeral Scratch levarán trofeo e cantidade en metálico desde o 1º até o 6º clasificado (repartiranse 930 euros en total).Tamén hai trofeos para os tres primeiros postos de Agrupación e para o mellor tempo na Copa Iniciación e na Copa Debutantes.